Sony renova o seu lector de libros electrónicos
martes, 11 de setembro do 2007
Os lectores de libros baseados en papel electrónico
parecían estancados, pero agora parece que vai chegar a renovación do Sony
Reader, de xeito que se filtrou á Internet a imaxe do novo modelo, o
PRS-505, que presenta unha pantalla de 6 polgadas e 4 tons de tinta.
O lector conta cunha batería interna que lle permite amosar 7.500 páxinas cunha
única carga (a tecnoloxía de papel electrónico só consume cando se actualiza o
contido da pantalla), e na súa memoria interna pode almacenar ata uns 160
libros, podendo ampliarse tal capacidade mediante tarxetas SD e Memory Stick
Duo.
Aínda que o seu uso principal sexa a lectura de libros (incluso en formato PDF
ou Word), tamén permite a reprodución de ficheiros sonoros en MP3 e AAC. Pódese
conectar por USB 1.1-2.0 a
un ordenador, tanto para sincronizar os seus contidos como para cargar a súa
batería, e na web de Abt
Electronics permitiron durante varias horas reservar unidades a 299 dólares,
polo que mantería o prezo do modelo anterior amosando un novo deseño da súa
aparencia.