Sony rebaixa 100 dólares os seus tablets

luns, 2 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Non parece haber dúbidas no feito de que non hai sitio no mercado para tablets dun prezo elevado que non sexan o iPad de Apple, e tras o fracaso de HP e RIM, temos agora o que parece ser o reflexo da derrota de Sony: a baixada de prezo do Sony Tablet S de 500 a 400 dólares no modelo de 16 Gb e de 600 a 500 dólares no de 32 Gb (rebaixa limitada polo momento á súa tenda en liña).
Estes dispositivos con pantalla de 9,4 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, dúas cámaras, Android, 1 Gb de RAM e batería de 2 horas, cun deseño claramente diferenciado dos seus competidores (non precisando de imitar descaradamente a Apple) non conseguiron unhas boas vendas, e a baixada de prezo parece ser a única solución para evitar unha acumulación de stock como a que provocou a desaparición comercial do HP TouchPad.
Resulta curioso que mentres os competidores do iPad en prezo e formato fracasan, outros dispositivos como o Kindle Fire conseguen facerse un oco no mercado, cunhas vendas millonarias e unha acollida moi boa por parte do público, o que parece dar a entender que o prezo axustado e os servizos asociados son a chave para sobrevivir neste novo mercado tan competitivo.

O Sony Tablet S aínda non conseguiu facerse un oco no mercado

PUBLICIDADE