Sony presenta unha nova cámara compacta para creadores de vídeo
martes, 23 de maio do 2023
Sony continúa a ampliar
o seu catálogo de cámaras destinadas a facer videoblogs, e anuncia que en xuño vai
pór á venda a nova Sony ZV-1 II a un prezo aproximado de mil euros, buscando
satisfacer a demanda de creadores de contidos que realizan gravacións sen apoio
técnico doutras persoas, que non queren cargar con grandes equipos e que non se
conforman coa calidade que pode dar un smartphone.
A Sony ZV-1
II está equipada cun sensor de imaxe de tipo 1.0 Exmor RS de 20, 1Mpíxeles
efectivos, un motor de procesamenteo de imaxe BIONZ X e un obxectivo ZEISS
Vario-Sonnar T 18-50mm F1.8-4, de xeito que poden tanto captar en grande
angular en espazos reducidos como realizar retratos de calidade, aproveitando especialmente
a tecnoloxía de recoñecemento facial que axusta as gravacións de vídeo para que
as persoas en plano saia sempre ben enfocadas.
A cámara conta cun micrófono de tres cápsulas que pode recoller o son en todas
as direccións ou limitarse á parte frontal (o que se está a gravar) ou traseira
(a narración do que grava), podendo incluso mudar automaticamente entre os
distintos modos de funcionamento en función d ese detecta que hai caras fronte
a cámara.
Esta nova cámara capaz de gravar en 4K ou incluso en formatos con aspecto cinematográfico,
conta con modos creativos, gravación en cámara lenta ou rápida, sensibilidade
entre un ISO de 125 e 12.800, estabilización electrónica de imaxe e incluso un
filtro de densidade neutra integrado (capaz de reducir a exposición até en 3
pasos, pensando en condicións de alta luminosidade).
A ZV-1 II pode conectarse co smartphone dun xeito sinxelo para facilitar a
transmisión dos contidos captados, permite utilizar o teléfono como mando a
distancia e tamén pode aproveitarse como webcam conectándoa a un ordenador por
USB.
O seu peso é de só 292 gramos, e entre os seus accesorios están dispoñibles un
soporte de agarre con mando a distancia e incluso micrófonos que poden funcionar
directamente na zapata da cámara sen cableado adicional.
Vídeo promocional da nova Sony ZV-1 II