Sony presenta unha cámara compacta con zoom óptico de 30x

luns, 7 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A familia de cámaras compacta de Sony recibe a un novo integrante, a DSC-HX80, unha cámara cun sensor CMOS Exmor R de 18,3 Mpíxeles e visor OLED retráctil, que destaca por incluír nas súas pequenas dimensións un zoom óptico de 30x, converténdose nunha das cámaras máis versátiles do mercado á hora de disparar instantáneas familiares ou de viaxe, así como para gravar vídeo (grava vídeo Full HD até en formato XAVC a 50 Mbps). O estabilizador óptico de 5 eixes reducir as vibracións da cámara durante o seu uso.
A Sony HX80 tamén presenta unha pantalla LCD de 3 polgadas e 921.000 píxeles, que pode abaterse 180 graos, de xeito que tamén pode empregarse para facer selfies de calidade. Para facilitar a súa comunicación tamén conta con Wi-Fi e NFC, facilitando a transferencia dos seus contidos ás aplicacións móbiles Sony PlayMemories.
Esta cámara sairá á venda o mes que vén a un prezo estimado de 350 dólares, o que parece un bastante axustado tendo en conta as súas prestacións, que deberían ser máis que suficientes para a meirande parte de usuarios que busquen unha cámara que ofreza unha calidade moi superior á dos smartphones, pero sen ter que cargar cunha máquina pesada e voluminosa como acontece coas cámaras réflex dixitais.

Un detalle curioso da cámara Sony HX80 é que conta cun visor OLED retráctil

PUBLICIDADE