Sony presenta os smartphones da familia Xperia X
martes, 23 de febreiro do 2016
Esta semana Sony está presente no Mobile World Congress de
Barcelona pero, en vez de levar ao encontro novos smartphones insignia, optou
por presentar novos terminais de gama media, a nova familia X, así como varios
accesorios que conforman así un interesante catálogo de novidades dirixido a un
público moi amplo.
A nova familia de smartphones de Sony estaría formada polos Xperia X, Xperia
X Performance e Xperia XA, que
apostan por pantallas de 5 polgadas en cristal curvado, autonomía optimizada
para poder aguantar até 2 días de uso e cámaras bastante avanzadas, que sairán
á venda o vindeiro verán con carcasas de distintas cores.
O terminal máis ambicioso sería o Xperia
X Performance, que contará cun acabado premium,
estrearía o novo procesador Qualcomm Snapdragon 820, contaría con 3 GB de RAM,
batería de 2.700 mAh e cámaras de 23 e 13 Mpíxeles. O Xperia X
sería un terminal máis modesto e posiblemente bastante máis económico, que
conformaríase cun procesador Qualcomm Snapdragon 650 e batería de 2.620 mAh;
mentres que para chegar ao grande público estaría o Xperia XA, que
podería considerarse case de gama baixa, por conformarse cunha resolución de
pantalla de 1.280 x 720 píxeles (cando os seus irmáns maiores teñen pantallas
Full HD), procesador MediaTek MT6755 (propio de smartphones chineses
económicos), 2 GB de RAM, cámaras de 13 e 8 Mpíxeles e batería de 2.300 mAh,
que parece pensado nos usuarios que queren facerse cun smartphone con bo
acabado e cámaras máis que dignas, sen ter que facer un grande desembolso
económico.
Atractivos accesorios
Para completar o catálogo de novos produtos Sony presentou novos accesorios
a ter moi en conta, como o seu novo auricular in-ear que serve para empregar como sistema de mans libres e que
parece inspirado no Moto Hint, o
Xperia
Ear, que pode levarse na orella a cada momento para facilitar o envío e
recepción de manxes, a consulta da axenda, as buscas... sen ter que tocar o
smartphone, de xeito que vai máis aló dun mans libres e convértese nun
asistente persoal. O grande atractivo deste trebello de 29,5 x 24,5 x 15,2
milímetros é que só pesa 6 gramos e, ao igual que acontece co accesorio de
Motorola, inclúe un estoxo de carga que tamén integra batería (de xeito que
pode recargarse aínda que non teñamos un enchufe a man). Chegará ao mercado no
verán.
Outras propostas máis ousadas serían a Xperia Eye (unha cámara de grande
angular que facilitaría o rexistro de vídeo de 360 graos), o Xperia Projector
(un proxector de tiro ultra-curto que facilitaría a interación táctil coa imaxe
xerada), o Xperia Agent (un asistente que responde a ordes de voz e integra
cámara e proxector) e o RM-X7BT (un adaptador Bluetooth para facilitar o uso de
mans libres no coche, contando tamén con funcionalidades de asistente que pode
aproveitarse por exemplo, para a navegación GPS).
- O Xperia XA estará dispoñible en atractivas cores e cun acabado coidado pese a ser un smartphone económico