Sony presenta o primeiro smartphone capaz de gravar e amosar vídeo en 4K con HDR

luns, 16 de abril do 2018 Marcus Fernández

Por se non era dabondo cos smartphones Sony Xperia XZ2 e XZ2 Compact, chega agora o Sony Xperia XZ2 Premium, un teléfono de Sony Mobile que continúa a avanzar na mesma dirección, apostando por unha das cámaras máis rechamantes nun smartphone especialmente no que se refire a sensibilidade, xa que presume dunha sensibilidade de 12.800 ISO para gravación de vídeo e sensibilidade 51.200 ISO para fotografías, conseguindo unha captación de luz que antes só podía conseguirse con cámaras con obxectivos intercambiables.
Este smartphone sería o primeiro do mercado en contar cunha cámara Motion Eye Dual, que consiste nun sensor de branco e negro de 12 Mpíxeles para capturar un contraste nítido e un sensor de imaxe en cor de 19 Mpíxeles para colorear a imaxe obtida, de xeito que conséguense fotografías e vídeo de grande nivel de detalle e, no caso do vídeo, tamén chama a atención que sexa capaz de gravar vídeo 4K con HDR. Tamén conta cun modo de cámara superlenta a 960 cadros por segundo en HD e Full HD. A cámara frontal é duns xenerosos 13 Mpíxeles.
O Sony Xperia XZ2 Premium ten unha pantalla de 5,8 polgadas 4K con HDR, que é un 11% máis grande e un 30% máis brillante que a anterior pantalla 4K con HDR de Sony, converténdose así no único smartphone do mercado capaz de crear e presentar contido 4K con HDR.
Este teléfono está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 cun modem LTE X20 capaz de conseguir conexións con velocidades de até 1,2 Gbps. Para dar máis de si tamén conta con 6 GB de RAM. A súa batería de 3.540 mAh inclúe tecnoloxía de carga adaptativa para mellorar a saúde da batería, e tamén soporte carga indutiva. Chegará ás tendas no verán con 64 GB de memoria interna ampliable mediante tarxetas de memoria de até 400 GB.

PUBLICIDADE