Sony presenta o portátil máis lixeiro capaz de reproducir Blu-ray

martes, 23 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Sony presentou o sen novo ordenador ultraportátil Vaio TT que cunha pantalla de 11,1 polgadas e só 1,3 quilos de peso se converte no portátil máis lixeiro do mundo con capacidade de reprodución de discos Blu-ray.
O equipo chegará en distintas configuracións, contando coa tecnoloxía Intel Centrino 2, saída HDMI (o que permite a reprodución de alta definición en pantallas externas), dous discos de memoria sólida que suman unha capacidade de 256 Gb e Windows Vista.
A pantalla do Vaio TT inclúe tecnoloxía XBRITE-DuraView que mellora a saturación de cor, está retroiluminada por LED e preséntase en formato panorámico 16:9 (en vez do habitual 16:10 dos equipos informáticos).
Estes equipos teñen un prezo de partida de 2.000 dólares, que no caso de incorporar lector de discos Blu-ray se dispara ata os 2.700 dólares. Se poderá adquirir en cor negro carbón, negro seda, dourado cava e vermello carmesí a partir do vindeiro outono.

PUBLICIDADE