Sony presenta novos portátiles delgados, lixeiros e con pantallas táctiles

mércores, 5 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Sony presentou os novos integrantes da súa gama VAIO no Computex de Taipei, que en tamaños de 11 e 13 polgadas parecen querer converterse no referente no rango de Ultrabooks, á vez que a principal alternativa aos populares MacBook Air de Apple, cos que teñen semellanzas innegables.
Os novos Sony VAIO Pro funciona con procesador Intel Core de cuarta xeración (ata Core i7), teñen un teclado de tamaño completo retroiluminado, pantalla táctil capacitiva Full HD (ideal para Windows 8), webcam con sensor CMOS Expor R e incluso NFC. Estes atractivos equipos chegarán ao mercado europeo a finais de mes en cor negra ou prata, descoñecéndose o seu prezo final no noso territorio (nos EE.UU. custarán uns 1.149 dólares con pantalla de 11 polgadas e 1.249 dólares con pantalla de 13 polgadas).
O Sony VAIO Pro 11 virá equipado con ata un procesador Intel Core i7-4500U, 4 Gb de RAM, ata 256 Gb de SSD, pantalla Full HD de 11,6 polgadas, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, USB 3.0, saída HDMI, lector de tarxetas SD, webcam, NFC, unha autonomía de ata 11 horas, un grosor de 17,2 milímetros e un peso de só 0,87 quilogramos.
Pola súa banda, o Sony VAIO Pro 13 permite elevar a súa RAM ata 8 Gb, a súa unidade SSD ata os 512 Gb e a súa pantalla ás 13,3 polgadas, o que provoca un peso superior (1,06 quilogramos) e unha autonomía inferior (ata 8 horas).
En ambos casos estará dispoñible unha batería externa que pode fixarse aos portátiles dotándoos dunha autonomía de ata 18 horas no caso do VAIO Pro 13 e ata 25 horas para o VAIO Pro 11.
Como curiosidade temos que o adaptador de corrente destes portátiles pode comportarse como un punto de acceso Wi-Fi, de xeito que facilita a conexión de ata 5 dispositivos sen fíos cando esteamos en mobilidade.

A resposta de Sony aos MacBook Air de Apple chega nun formato semellante, pero con pantallas táctiles

PUBLICIDADE