Sony presenta novas cámaras 3D no CES

luns, 10 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Sony presentou no CES de Las Vegas unha cámara Handycam capaz de gravar vídeo en 3D

A emerxencia das 3D no ámbito doméstico levou a Sony a presentar no CES de Las Vegas unha serie de cámaras dixitais (tanto fotográficas como de vídeo) orientadas á captación de imaxes estereoscópicas que van dende a incorporación dun modo 3D para as cámaras Cyber-shot ata unha potente videocámara Handycam que custará uns 1.500 dólares e que non só grava en 3D, senón que tamén conta cunha cativa pantalla autoestereoscópica (que permite ver imaxes 3D sen lentes). A medio camiño non podemos deixar de destacar a cámara Bloggie 3D (tamén coñecida coma MHS-F33) que presenta un tamaño compacto e un peso lixeiro, o que non impide que integre 2 sensores de imaxe Exmor CMOS para captar imaxes estereoscópicas que almacenar na súa memoria interna de 8 Gb. Tamén conta cun conector USB retráctil e cun porto HDMI.
A Bloggie 3D é capaz de captar vídeo 2D en Full HD e fotografías de 5 Mpíxeles, aínda que moitos destacarán principalmente os seus modos 3D, que poden aproveitarse sen o uso de lentes grazas á pantalla integrada na cámara que porase á venda en abril en España a un prezo estimado de 270 euros.

A Bloggie 3D permite tomar imaxes estereoscópicas pese a ter un deseño moi compacto

PUBLICIDADE