Sony estrea un selo para indicar os televisores que están preparados para a PlayStation 5

xoves, 30 de xullo do 2020 Marcus Fernández

As pantallas de alta resolución e elevadas velocidades de refresco son algo habitual entre os xogadores de PC máis esixentes, pero en consolas domésticas non pasará tal até que chegue a nova xeración de consolas, en boa medida porque os televisores non están preparados para tal experiencia, o que dende Sony queren aproveitar para mellorar posicións nun mercado no que hai tempo que non destaca, e así anuncia os novos televisores Sony Bravia coa etiqueta Ready for PlayStation 5, o que quere dicir que estes dispositivos serán compatibles cos modos de vídeo en 4K a 120 imaxes por segundo.
Os primeiros televisores en incorporar o selo Ready for PlayStation 5 serían o televisor XH90 4K HDR Full Array LED e o ZH8 8K HDR Full Array LED, destacando este último por ter un retardo de entrada de só 7,2 milisegundos no seu panel 8K (sendo tamén compatible co vídeo 8K). Estes televisores contan cun BRAVIA Game Mode, que permitirá xogar automaticamente en PlayStation 5 con baixa latencia, e incluso ofrecerá a posibilidade de empregar o mando DualSense da consola para acender tamén o televisor.
É de agardar que de cara á campaña de Nadal as principais marcas teñan á venda televisores con modos que permitan tirar proveito das posibilidades das novas consolas PlayStation e Xbox, buscando así instar á súa compra conxunta por parte dos xogadores que desexan entrar na nova xeración por todo o alto.

PUBLICIDADE