Sony entrará no mercado dos tablets

martes, 26 de abril do 2011 Marcus Fernández

O S1 será un tablet con pantalla de 9,4 polgadas e Android 3.0

Parece confirmarse que 2011 será o ano no que chegue finalmente a competencia no mundo dos tablets, e pese a que o Motorola XOOM estea a pasar case desapercibido e o PlayBook de RIM estea a recibir moi malas críticas, Sony atrévese a entrar e presenta os seus dispositivos S1 e S2, que funcionarán con Android 3.0 e chegarán ao mercado no outono.
O Sony S1 será un tablet con pantalla de 9,4 polgadas, orientado para a visualización de páxinas web e o consumo de contidos multimedia (conta con tecnoloxía Tegra 2), mentres que o Sony S2 ten 2 pantallas de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.024 x 480 píxeles, e pode dobrarse para facilitar o seu transporte. O S1 contará con cámaras frontal e traseira, mentres que o S2 só terá unha cámara. Estes produtos da liña Sony Tablet teñen Wi-Fi e conectividade 3G/4G, e contarán con distintos servizos en rede subministrados por Sony para tirar proveito do seu potencial e diferenciarse da competencia.
Aínda que na presentación oficial de Sony non deron prezos para os novos produtos, dende Engadget aseguran que os seus prezos poderían ser de 599 e 699 dólares para o S1 e S2 respectivamente.

O S2 opta por un formato de cuncha en pantallas de 5,5 polgadas

PUBLICIDADE