Sony di adeus a Ericsson coa gama de móbiles Xperia NXT

luns, 9 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

O proxecto conxunto Sony Ericsson chega á súa fin, e este fin de ciclo queda marcado polo lanzamento da nova familia de móbiles Xperia NXT, que distinguirase por elementos como unha franxa transparente para notificacións na parte inferior do teléfono que servirá para destacar a pantalla e que tamén albergará a antena do terminal.
Un dos móbiles desta nova serie será o Sony Xperia S, que cun procesador MSM8260 de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM e 32 Gb de almacenamento interno será un dos dispositivos máis completos do mercado, comercializándose inicialmente este mesmo trimestre con Android 2.3 actualizándose a Android 4.0 no segundo trimestre do ano.
Este smartphone terá pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 720 x 1.280 píxeles (con Mobile BRAVIA Engine), cámaras de 12 e 1,3 Mpíxeles (capaces de gravar vídeo a 1.080p e 720p respectivamente), HDMI, NFC, batería de 1.750 mAh, unhas medidas de 128 x 64 x 10,6 milímetros e un peso de 144 gramos. Venderase en negro e prata.
Para acompañar a este móbil tamén teremos o Sony Xperia Ion, que será o primeiro smartphone de Sony con LTE que coincidirá en prestacións co Xperia S agás por ter unha pantalla de maior tamaño (4,6 polgadas) e a metade de almacenamento interno (16 Gb). Chegará ao mercado no segundo trimestre de 2012.
En primavera tamén está previsto que cheguen ao mercado xaponés os móbiles Xperia NX e Xperia acro HD.


Presentación do Xperia S


Demostración do Xperia Ion

PUBLICIDADE