Sony aposta polas auto-fotos co novo Xperia C3

martes, 8 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Sony quere tomar moi en serio as auto-fotos, polo que ao presentar o seu novo smartphone Xperia C3 non dubida en definilo como unha cámara PROselfie, asegurando que é o mellor smartphone do mercado para tomar este tipo de fotografías tan de moda grazas a unha cámara frontal de 5 Mpíxeles, con grande angular, un suave flash LED e un modo de disparo automático mellorado. Tamén inclúe unha serie de efectos de realidade aumentada para a cámara frontal e unha aplicación de retoque para editar as fotografías en tempo real e poder integralas despois en 10 marcos Deco diferentes.
O Sony Xperia C3 é un smartphone 4G con pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 1,2 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámara frontal de 8 Mpíxeles (con HDR para fotografías e vídeo), Bluetooth 4.0, batería de 2.500 mAh, un grosor de 7,6 milímetros e un peso de 150 gramos. Outro detalle salientable deste terminal é que pode soportar até 2 tarxetas SIM, de aí que o primeiro mercado no que vaia ver a luz sexa o chinés (no mes de agosto).


Vídeo de presentación do Xperia C3

PUBLICIDADE