Sony anuncia unha tableta de papel electrónico tamaño DIN A5

luns, 16 de abril do 2018 Marcus Fernández

Hai un ano Sony anunciou unha tableta con pantalla de tinta electrónica de 13,3 polgadas, a Sony DPT-RP1, que buscaba trasladar a experiencia de uso dunha folla de tamaño DIN A4 a un dispositivo electrónico. A súa pantalla de 1.650 x 2.200 puntos con 16 niveis de gris e o contar cun lapis dixitalizador eran unha combinación impresionante, que sumado ao seu grosor de 5,9 milímetros e ao seu peso de 3.49 gramos conformaban un produto que como principal atranco para unhas vendas masivas ten un prezo de 80.000 iens (603 euros).
Dende Sony parecen conscientes do potencial deste produto, e por iso decidiron lanzar unha variación do mesmo, o Sony DPT-CP1, que opta por un tamaño máis compacto, de xeito que limitarase a unha pantalla de 10,3 polgadas (semellante a un DIN A5) cunha resolución de 1.404 x 1.872 píxeles con 16 niveis de gris, que integra 16 GB de almacenamento interno, mantén o grosor en 5,9 milímetros e reduce o seu peso até os 240 gramos, polo que sería un produto principalmente máis transportable, aínda que o seu prezo de 70.000 iens (528 euros) semella que continuará a reducir bastante o seu éxito comercial. De feito, este tipo de tabletas apenas teñen distribución fóra do mercado xaponés.
Esta tableta integra Wi-Fi AC de dobre banda, Bluetooth 4.2 e NFC, pode traballar con documentos PDF dun xeito rápido e doado, e está optimizado para funcionar en combinación cun smartphone. Poderase mercar a primeiros de xuño.

PUBLICIDADE