Sony amosou os xogos de PS3 e PS Vita que chegarán nos vindeiros meses

martes, 5 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Na presente edición do E3 Sony non puido sorprender ao público cunha PlayStation 4, tendo que limitarse a dar a coñecer as novidades que nos vindeiros meses chegarán para a PlayStation 3 e esforzándose en amosar o que pode dar de si a PS Vita, consola portátil que está a ter serios problemas para consolidarse nun mercado no que Nintendo está a trunfar coa 3DS (pese aos augurios de que as consolas portátiles non serían quen de manterse tras a chegada de smartphones e tablets).

BEYOND: Two Souls intentará repetir a experiencia innovadora de Heavy Rain

Para comezar con forza a súa presentación, a xente de Sony amosou o novo proxecto de Quantic Dream, creadores de Heavy Rain, que retoman a súa mecánica en BEYOND: Two Souls, unha nova aventura que busca ir máis aló das emocións grazas a unha peculiar protagonista interpretada por Ellen Page que conta con poderes sobrenaturais grazas á súa ligazón cunha entidade invisible chamada Aiden. Un xogo que, na liña dos seus desenvolvedores, contará cunha narración moi cinematográfica e cuns gráficos que aproveitarán ao máximo o potencial da PlayStation 3, como podemos ver no seu trailer:


Sony amosou algunha sorpresa sobre Assassin’s Creed 3

Aínda que dende Sony quixeron avanzar información sobre títulos como PlayStation All Star Battle Royale (que contará con Cross Play entre PS3 e PS Vita) ou Call of Duty: Black Ops Declassified (para PS Vita), captaron maior atención do público cando amosaron imaxes de Assassin’s Creed III (xogo multiplataforma, do que amosaron unha escena na que o seu protagonista guiaba un barco, posibilidade da que non se tiña falado anteriormente), Assassin’s Creed III: Liberation (outra entrega da mesma franquía de Ubisoft que chegará para PS Vita e, por primeira vez, contará cunha protagonista feminina) e Far Cry 3 (xogo de acción do que destacaron que contará cun modo cooperativo para 4 xogadores).


Assassin’s Creed III: Liberation levará a experiencia da franquía de Ubisoft á PS Vita

Wonderbook: El Libro de los Hechizos permitirá vivir o mundo de Harry Potter mediante o uso da realidade aumentada

Aínda que Sony non conseguiu con PS Move acadar o mesmo impacto que Microsoft con Kinect, non quere esquecer o seu control por movemento, especialmente entre o público máis novo, polo que presentaron Wonderbook, un sistema de libros de realidade aumentada na liña do xogo EyePet que botará a andar con El Libro de los Hechizos (ambientado no universo de Harry Potter, e que permitiranos practicar numerosos feitizos na escola de Hogwarts).
O mellor da conferencia deixárono para o final, amosando imaxes do que será God of War: Ascensión, xogo que non só incorporará un novo modo multi-xogador, senón que tamén mellora de xeito importante no seu apartado gráfico; e tamén deixando ver unha ampla demostración de The Last of Us, xogo dos creadores da saga Uncharted, que parecen seguir na mesma liña, pero amosando unha historia máis adulta e violenta e coidando ao detalle a súa aparencia gráfica como podemos ver no vídeo que amosaron durante o E3:

Last of Us de Naughty Dog promete ser un dos mellores xogos en toda a historia da PS3
Assassin’s Creed III: Liberation contará cunha protagonista feminina por primeira vez na súa saga

PUBLICIDADE