Sonic & SEGA All-Stars Racing estrea versión para iOS

martes, 28 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O ano pasado chegaba en versións para PlayStation 3, Xbox 360, Wii e Nintendo DS Sonic & SEGA All-Stars Racing, un xogo de carreiras que permitía que personaxes como Sonic, Amigo, Tails, Dr. Eggman ou AiAi competisen en curiosos circuítos como castelos medievais, selvas e cidades, empregando tamén vehículos moi orixinais (como un plátano móbil, moticicletas, avións e coches) e agora, o considerado coma o Mario Kart de SEGA chega a dispositivos con iOS, a un prezo moi inferior, xa que en vez de venderse a entre 25,95 e 39,95 euros como a súa versión de consola, está dispoñible na App Store por 3,99 euros.
Pese a que estamos ante unha versión móbil do xogo, ten pouco que envexar ás anteriores versións, especialmente no caso do iPad, dispositivo que ten unha versión de seu, cuns gráficos dignos deste divertido xogo no que teremos 15 recorridos distintos, 25 misións para poder optar ás 3 Copas de Grandes Premios, ata 10 personaxes de SEGA a elixir e incluso a posibilidade de xogar en local contra un amigo por Bluetooth ou cun máximo de 3 amigos por Wi-Fi.

A versión para iPad do xogo ten uns gráficos moi dignos para un título tan económico (custa a décima parte que a versión para consolas domésticas).

PUBLICIDADE