Snap presenta a terceira xeración das súas Spectacles

mércores, 14 de agosto do 2019 Marcus Fernández

As Spectacles de Snap Inc. continúan a ser un rotundo fracaso comercial, o que non impide que continúen a renovar o seu produto, de xeito que xa poden reservarse as Spectacles 3, que apostan pola integración de 2 cámaras para facilitar unha visión tridimensional do mundo, ou sexa, que o efecto de fotografías 3D que cada vez está máis presente en Facebook chega a Snapchat baixo o nome de Snaps 3D.
As cámaras HD duais integradas nas lentes de Snap tamén permiten gravar vídeos en 3D, e a súa montura metálica lixeira tamén é un interesante elemento que engade atractivo a este produto que chegará no outono a un prezo de 370 euros, ou sexa, que non só as novas lentes son moito máis caras que as anteriores (á venda por entre 175 e 230 euros), senón que chegan nun momento moito peor, xa que o lóxico sería lanzar as lentes antes do verán, e non xusto despois. A diferenza de prezo non só estaría provocada polo feito de contar cunha dobre cámara, senón tamén por incluír un estoxo de carga (que pode cargar até 4 veces as lentes).
O efecto tridimensional das Spectacles 3 non se limita a xerar imaxes con percepción de profundidade, senón que tamén é posible engadir efectos gráficos en realidade aumentada e adhesivos ás imaxes e vídeos creados, conseguindo así orixinais efectos que por desgraza están ligados a un servizo moi concreto (Snapchat), e que non parecen ofrecer moito máis do que xa teñen, por exemplo, as historias de Instagram, polo que resulta difícil xustificar o investimento de 370 euros nun trebello que semella limitarse a chamar a atención nun primeiro momento.

Vídeo promocional das Spectacles 3

PUBLICIDADE