SmartPEME remata marzo con cinco novas accións formativas

luns, 27 de marzo do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas SmartPEME, oferta esta última semana de marzo cinco novas accións formativas, enmarcadas na súa carteira de obradoiros TIC. As accións centraranse en ciberseguridade, mulleres emprendedoras, posicionamento en buscadores (SEO) para comercio electrónico, emisión de eventos en liña e como elaborar un plan de mercadotecnia dixital.
Os obradoiros comezarán este luns, 27 de marzo, ás 10 da mañá. Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir Ciberseguridade, como facer un contrasinal seguro, no que se explicará a importancia de ter un contrasinal ben definido e distinto para cada servizo. Freire, tamén conducirá a acción do xoves 30 de marzo, ás 11 da mañá, Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional IV – OBS I, na que se presentarán ferramentas como Screendragons ou OBD Studio.
O martes 28 será a quenda de Encontro de mulleres emprendedoras no que intervirán mulleres asesoradas polas oficinas de SmartPEME como Luz Prado, fundadora de Luz Prado, Escuela de Diseño y Moda; Salomé Fernández, creadora de Cucapuntoes; Pilar Alonso, creadora de Xacobleas” Cruz Martinez, fundadora de Planeta Tres Zetas; e Susana Abal, directora de Desde 0 Home Staging. O obxectivo desta iniciativa é poñer en común varios puntos de vista sobre o emprendemento sendo muller e os pros e contras de levar a cabo un proxecto propio.
O mércores 29 de marzo terá lugar a acción SEO para ecommerce: Posiciona a túa tenda en liña en Google ás 12 de mañá. Será impartida por Esther Garcinuño, diplomada en ciencias Empresariais, que dará a coñecer cuestións para optimizar webs de venda en liña e mellorar a súa visibilidade nos motores de procura cun enfoque práctico.
O xoves 30 ás 18:00 horas o licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández, impartirá O teu plan de Márketing Dixital paso a paso. Nesta acción formativa, coa que a Deputación pecha a semana formativa de SmartPEME, abordarase a importancia do plan de mercadotecnia dixital para que unha empresa teña éxito na contorna online.

PUBLICIDADE