SkyShowtime bota a andar en España cunha agresiva promoción de lanzamento

martes, 28 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

A plataforma audiovisual baixo demanda SkyShowtime chega a España cun catálogo bastante robusto, especialmente se tempos en conta o seu prezo de 5,99 euros/mes, que combinados á oferta promocional de 50% de desconto mentres se manteña a subscrición o converten nunha plataforma a ter en conta, especialmente nun momento no que Netflix está a vivir unha crise de reputación por mor da súa guerra contra as contar compartidas. Cómpre salientar que o desconto do 50% só se aplica a subscricións realizadas a través da páxina web (non a través das tendas de aplicacións).
SkyShowtime achega contidos de Universal, DreamWorks, Sky, Peacock, Nickelodeon, Showtime, Paramount+ e Paramount Pictures, de xeito que conta con películas que foron un éxito en cines, series reputadas e bastantes contidos infantís, de xeito que, aínda que non sexa a mellor oferta de contidos novos en exclusiva, si que é un dos fondos de catálogo máis completos en relación ao prezo do servizo.
SkyShowtime permite ver os seus contidos na web, en televisores conectados e nas súas aplicacións móbiles para iOS e Android, permitindo a descarga de contidos para a súa reprodución fóra de liña, a creación de até 5 perfís de usuario por conta e a reprodución dende até 3 dispositivos simultáneos, aínda que a calidade de imaxe está limitada a Full HD.

SkyShowtime estréase cun catálogo de películas e series moi completo

PUBLICIDADE