Shenmue I & II teñen data de lanzamento

martes, 3 de xullo do 2018 Marcus Fernández

En abril SEGA anunciou que, anticipándose ao lanzamento de Shenmue III, ía publicar versións renovadas dos xogos Shenmue e Shenmue II, con versións para PlayStation 4, Xbox One e PC (Steam), e finalmente confírmase a data de lanzamento das primeiras entregas da grande obra de Yu Suzuki, o 21 de agosto.
O lote de Shenmue e Shenmue II xa está dispoñible para a súa reserva en edición física para consolas (recompensándose a confianza cun cartel de dobre cara protagonizado polos personaxes favoritos dos afeccionados a esta saga, así como unha carátula reversible con ilustracións orixinais), mentres que para ordenadores persoais só poderá adquirirse en formato recargable.
Os xogos narran a historia de Ryo Hazuki, protagonista que pretende vingar a morte do seu pai, para o que desentraña os segredos detrás dun misterioso artefacto coñecido como O Espello do Dragón, e nesta revisión ofrecerase a mellor experiencia desta saga até o momento, con funcións modernizadas, incluíndo resolución de pantalla totalmente escalable, elección entre esquemas de control modernos ou clásicos, e incluso a posibilidade de escoitar as voces orixinais en xaponés ou inglés.
Sobra dicir que Shenmue I & II contará con todas as características dos xogos orixinais, incluíndo os combates de jujitsu, as investigacións detectivescas, os elementos de rol e os minixogos, todo nun mundo aberto en tempo real, con ciclos de día e noite, cambios meteorolóxicos e incluso unha poboación civil que segue coa súas propias vidas, de aí que estes títulos fosen tan revolucionarios no seu día.

Nos xogos non faltan os intensos combates de jujitsu
As reservas das edicións físicas para consola teñen recompensa

Tráiler coa data de lanzamento de Shenmue I & II

PUBLICIDADE