Sharp estrea unha cámara de seguridade que pode rexistrar cor na escuridade

mércores, 5 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Sharp anuncia a estrea da primeira cámara de seguridade con visión nocturna de infravermellos en cor do mercado, que sorprende por ser capaz de capturar vídeo en cor na escuridade, comezando a súa comercialización entre clientes empresariais (como fabricantes de sistemas de cámaras de seguridade) o vindeiro día 28. Este produto innovador xa lle valeu o recoñecemento nos premios CEATEC 2014 na categoría de imaxe dixital.
A nova cámara inclúe a tecnoloxía CCD de infravermellos de visión nocturna en cor desenvolvida por Sharp en colaboración co Instituto Nacional de Tecnoloxía e a Ciencia (AIST), conseguindo captar a cor dos obxectos nunha escuridade absoluta grazas ao uso de iluminación mediante infravermellos. Non só pode gravar na escuridade, senón que a nova cámara tamén ten unha boa definición, sendo capaz de gravar vídeo a 30 cadros por segundo a unha resolución de 1.280 x 720 píxeles.
A cámara Sharp LZ0P420A conta cun sensor de 1,3 Mpíxeles, saída HD-SDI e analóxica (NTSC/PAL) para facilitar a súa instalación en sistemas actuais, mide 180 milímetros de longo e 83 milímetros de diámetro e ten un peso aproximado de 940 gramos.

Nos CEATEC JAPAN 2014 Innovation Awards souberon recoñecer o valor da nova cámara de Sharp

PUBLICIDADE