Shadow of the Tomb Raider chegará a Game Pass a semana que vén
martes, 2 de abril do 2024
Os xogos que preparan a súa chegada ao Game Pass nos vindeiros días son bastante variados e pouco relevantes, cunha especial excepción, xa que o día 11 incorpórase ao catálogo de xogos para os subscritores do servizo de Microsoft a edición definitiva de Shadow of the Tomb Raider nas súas versións para consola, PC e nube.
Estamos ante o capítulo final do reinicio das aventuras de Lara Croft, que conseguiu devolver á actualidade a esta figura tan importante no sector dos videoxogos, definindo unha versión máis acorde aos tempos actuais, principalmente evitando a súa esaxerada sexualización.
Tamén volve ao Game Pass o xogo Superhot: Mind Control Delete e chegan o xogo de condución de mundo aberto LEGO 2K Drive (o día 3), Lil Gator Game (o día 4), EA Sports PGA Tour (que a través de EA Play estará dispoñible a partir do día 4), o galardoado xogo de misterio Kona (o día 9), o curioso xogo de quebracabezas de botánicos (que se estrea directamente en Game Pass o día 9) e o xogo narrativo Harold Halibut (que tamén se estrea directamente en Game Pass, aínda que desta volta o día 16).