Sentencia de medio ano de cárcere por vender equipos para piratear o sinal de TV de R

mércores, 3 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Vender equipamentos para piratear o sinal de televisión das operadoras pode saír caro. E tanto que é así. E máis se o facemos con clara e notoria arela de tirar partido económico. Segundo informa o operador galego R, o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra vén de condenar a D. L. P. como responsábel directo dun delito “contra o mercado e os consumidores, ao terse demostrado, tras unha investigación, que vendeu equipos manipulados para visionar as canles codificadas da televisión por cable de R”. O resultado de todo isto é unha condena de seis meses de cadea e seis meses de multa (a razón de catro euros diarios cun día de privación de liberdade por cada dúas cotas non satisfeitas).
Segundo explica R, a operación foi desenvolvida pola Garda Civil e dará por concluído coa destrución dos descodificadores piratas que foron incautados. A orixe do caso remóntase a xaneiro de 2007, intre no que a empresa galega de cable rexistrou na súa propia rede a conexión de equipamentos de descodificación de TV que eran quen de poñer en aberto tódalas canles encriptadas e de pagamento de R. De feito, cómpre ter en conta que a plataforma multicanle da compañía é quen de avaliar a distancia os ditos trebellos dos seus clientes, pudendo localizar os que foron intervidos ou alterados.
A partir da detección e posterior denuncia, comezou a operación policial. Segundo recorda a firma galega, non se trata da primeira vez que se emiten sentencias firmes contra operacións de pirateo da TV de R: “Só en 2006 celebráronse 300 xuízos por pirateo do sinal de TV de R, entendendo por pirateo, nesa ocasión, o goce fraudulento do servizo de televisión do operador galego tras a manipulación dos equipos por terceiras persoas”. Isto levou á detención de condena de varias persoas como “autoras dunha falta de defraudación das telecomunicacións, uso ilexítimo de terminal de telecomunicacións e dos delitos de estafa e contra a propiedade intelectual”.

PUBLICIDADE