SensGard prepara uns auriculares con cancelación de ruído sen compoñentes electrónicos

xoves, 15 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Para poder escoitar música illándose do ruído ao noso redor existe a tecnoloxía activa de cancelación de ruído, o que tradúcese nuns auriculares cun compoñente electrónico que recolle o son de ambiente para neutralizalo, e que encarece considerablemente o produto, pero agora chegan os auriculares ZEM de SensGard, que prometen conseguir unha redución do ruído de ata 37 dB nos rangos de altas e baixas frecuencias sen utilizar ningún compoñente electrónico, utilizando un simple amplificador para cancelar o ruído de fondo e reproducir o son con pureza. Deste xeito teriamos uns auriculares máis económicos (custarán uns 90 dólares) e lixeiros (uns 57 gramos) que non precisarían de pilas adicionais e incluso poden encartarse para levalos comodamente no peto dunha camisa.
Queda por ver se o que prometen estes auriculares é totalmente certo ou estamos ante simple propaganda, pois resulta difícil de crer que sexa posible unha cancelación de ruído efectiva sen compoñentes electrónicos, e de ser así sería un interesante avance para os amantes da música, así coma para os que escoiten música, radio ou mesmo chamadas telefónicas mentres viaxan en transportes colectivos onde o rebumbio impide unha boa escoita, e forza habitualmente a elevar o volume a niveis que poden danar o ouvido (o que evita habitualmente a tecnoloxía de cancelación de ruído).

Os auriculares ZEM poden encartarse para o seu transporte no peto

PUBLICIDADE