Saudade de ti adianta os seus capítulos da semana en AGalega

martes, 27 de agosto do 2024 Marcus Fernández

En 2021 a Televisión de Galicia sorprendía ofrecendo a través da web episodios das series Método Criminal e A lei de Santos en primicia, anticipándose á súa estrea na TDT, e agora repiten a xogada con Saudade de ti, ficción galega que anuncian que os martes preestrea en AGalega os seus 5 capítulos semanais, facilitando que os seareiros poidan coñecer con antelación as tramas e a súa evolución, dende calquera dispositivo e á hora que o desexen.

Xogando en galego

Pero esta non é a única novidade salientable en AGalega, plataforma que o vindeiro xoves, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Videoxogo, van publicar a serie Xogando en galego, que a través de 5 pequenos capítulos nos que Ángela Triana e Jon Amil abordan os videoxogos que se poden xogar en lingua galega baixo a dirección de Iago Gordillo (responsable de Recuncho Gamer).