Satdata presentará as súas últimas achegas tecnolóxicas en Madrid

mércores, 6 de xullo do 2011 Raquel Noya

A compañía galega Satdata, con sede principal na Coruña, vai levar as súas achegas tecnolóxicas do ámbito da seguridade ata Madrid, onde presentará en exclusiva as súas últimas novidades do eido do control e a xestión da seguridade persoal, emerxencias e loxística.
O evento Satdata Exhibition terá lugar o vindeiro xoves, 7 de xullo, no hotel Eurostars ihotel, e nel, a firma coruñesa daralle a coñecer aos seus clientes, partners tecnolóxicos e distribuidores, varios produtos exclusivos baseados en tecnoloxía punteira, destinados a axudar ás persoas en perigo ou que requiran dunha seguridade extrema no seu día a día.
Trátase dun reloxo GPS para seguridade persoal que permite a localización de persoas en interiores e exteriores, polo que está especialmente indicado para maiores, VIP, axentes de seguridade, persoas con control de arresto domiciliario... que, entre outras cousas, contén unha serie de sensores de movemento e emite alarmas cando se manipula a súa carcasa ou pulseira.
Tamén presentará un chaleco reforzado dotado de última tecnoloxía que fai posible que ante un impacto (como por exemplo unha bala), se active a alarma de axente caído, para que a central de alarmas poña en marcha os protocolos de atención e rescate.
Por último, Satdata presentará nesta cita un dispositivo lapa GPS para a localización e seguimento de persoas ou vehículos, segundo din, “especial para operacións encubertas”, que non require instalación e dispón dunha memoria interna incorporada para almacenar datos, velocidade, horas, dirección, posición, alarmas por entrada e saída de zoa e configuración remota.
Ademais, Satdata aproveitará a ocasión para presentar o seu PMAEP (posto de Mando Avanzado de Emerxencias), a súa UTTE (Unidade de Telecomunicacións Transportable de Emerxencias) e o seu operador de radiocomunicacións dixitais profesionais, todos eles baseados en tecnoloxía punteira de seu que xa empregan distintas entidades públicas e privadas de todo o Estado.
Asemade, a firma fará un repaso das súas (xa clásicas) solucións de xestión e control de flotas en todos os sectores no que traballa, e que van dende loxística, ata emerxencias e seguridade, pasando polas administracións públicas e industria. Para isto, contará coa axuda dalgúns dos seus clientes, os cales exporán cadanseus casos de éxito botando man dos servizos de Satadta.
Entre os relatores convidados destaca a presenza de Jorge Larena, representante da empresa de loxística Vicarli, ou de Gabriel Escarrer, responsable de Transmisións e Comunicacións da Policía Local do Concello de Palma de Mallorca, que presentará a súa experiencia coa tecnoloxía galega aplicada ao sector de Seguridade e Emerxencias.

PUBLICIDADE