Sanxenxo terá 10.607 inmóbeis conectados a R ao remate de 2021

venres, 15 de outubro do 2021 S. P.

Sanxenxo vén de dar un novo paso adiante en materia de cobertura de redes de última xeración. Segundo vén de informar a operadora R, arredor de 600 novas residencias particulares e empresas dos núcleos de Areas, O Outeiro, Laxe, Palacios, Nanín e Quintáns, están xa conectadas ás redes avanzadas de R, o que significa, entre outras cousas, que poden dispoñer de accesos ultrarrápidos a internet de até 500 Mbps simétricos (suba e baixada) e gozar de todos os servizos avanzados que pon en xogo a empresa de telecomunicacións.
Este novo fornecemento de fibra óptica engádese á incorporación recente doutros 1.400 inmóbeis ás redes de R, enmarcada tamén no Plan Avanza do Goberno central. A previsión é de que ao remate de 2021, Sanxenxo conte, só en virtude do programa do Ministerio, cunhas 3.200 residencias e empresas conectadas ás redes de nova xeración do operador galego, e preparadas para recibir os seus servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle.
A maiores, R lembra que leva anos investindo pola súa conta na despregadura de infraestruturas en Sanxenxo, “onde xa dispoñen de cobertura outros 7.407 fogares e empresas do municipio”. Deste xeito, preto de 10.607 (7.407 + 3.200) será a cifra total de inmóbeis do concello pontevedrés preparados para gozar dos servizos de última xeración da compañía galega a peche de 2021.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuxeran de alta velocidade ata ese momento (“zonas brancas”).

PUBLICIDADE