Santiago será o epicentro das tecnoloxías cuánticas co foro Galicia Conecta

venres, 4 de xullo do 2025 S. P.

O vindeiro martes 8 de xullo vaise celebrar na Cidade da Cultura de Santiago, a partir das 10.00 horas, o encontro Galicia Conecta, que contará coa presenza dalgunhas das empresas e expertos que están a traballar no innovador e revolucionario ámbito das tecnoloxías cuánticas. Será clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que analizará o impacto destas tecnoloxías xunto co presidente de Telefónica España, Borja Ochoa. O foro estará organizado por Telefónica España.
O obxectivo desta xornada, que se pechará cun debate do presidente da Xunta e o de Telefónica España, é abordar os novos proxectos e as vantaxes que esta tecnoloxía disruptiva pode achegar ao crecemento das empresas, tanto por si mesma como combinada coa Intelixencia Artificial (IA), a análise da información a gran escala (Big Data) ou a analítica avanzada.
Manuel Ángel Alonso, director do Territorio Norte de Telefónica España, será o encargado de inaugurar a xornada. Concluída a súa intervención, Lois Orosa, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), realizará unha introdución ás tecnoloxías cuánticas. Posteriormente, Jorge de la Herrán, presidente de Qubiz, falará sobre o ámbito da sensórica, e a continuación David Rodríguez, xestor na Península Ibérica de IQM Quantum Computers, abordará a combinación de Intelixencia Artificial e computación cuántica xunto a Alba Meijide, responsable de IA de Territorio Norte de Telefónica España.
José Luis Domínguez, director de ciberseguridade e servizos na nube de Telefónica Tech, explicará as vantaxes da tecnoloxía Quantum Safe, unha solución innovadora que combina a criptografía tradicional coa poscuántica para axudar ás empresas para protexer as súas comunicacións e datos críticos. Acto seguido, celebrarase a mesa redonda Tecnoloxías cuánticas, unha nova forma de procesar e transformar a sociedade, moderada por Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e na que participarán Pablo Vidal, responsable de Transformación Dixital do Territorio Norte de Telefónica, Adriano Galano, especialista de vendas en AI e HPC de HPE, Carlos Kuchkovsky, director executivo (CEO) e co-fundador de QCentroid, e Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.
Tras esta última mesa redonda, ao 12.50 h, o foro clausurarase cun debate entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Telefónica España, Borja Ochoa, ao redor do desenvolvemento dos proxectos de tecnoloxía cuántica tanto en Galicia como no resto de España.