Santiago ponse con TRAFAIR á cabeza das cidades que loitan contra a contaminación do aire

xoves, 23 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Reducir a presenza e a velocidade do tráfico contaminante é un bo xeito de comezar a loita contra a contaminación crecente das cidades, pero cómpre ir máis alá e apostar polas posibilidades das tecnoloxías intelixentes, cada máis capacitadas para brindarnos respostas ás que nós, polos nosos propios medios, dificilmente chegaríamos en pouco tempo. Porque, tal e como se fixo saber este xoves 23 de xaneiro en Santiago, no edificio Cersia, loitar contra a polución do aire nas cidades é tamén (e sobre todo) unha cuestión de tempo, de actuar contra-reloxo. Estas foron as bases sobre as que se presentou o proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality), unha iniciativa na que participa activamente o Concello de Compostela, xunto co Centro de Supercomputación de Galicia, o CITIUS da USC e unha manchea de entidades internacionais.
En termos máis concretos, ao abeiro de TRAFAIR Santiago dotarase con 10 sensores de contaminación nas zonas máis críticas. Trátase de examinar ao detalle o aire para logo actuar en consecuencia.
A xornada, que foi inaugurada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, contou con catro mesas redondas nas que se abordaron diversos ámbitos complementarios de acción cos que extraer, dos exemplos individuais, ideas conxuntas de valor: os recoñecidos exemplos de Pontevedra e Lugo por crear cidades máis amigábeis e intelixentes en mobilidade; os puntos de vista dos profesionais da saúde sobre os efectos, moi negativos, que a contaminación polo tráfico ten nas persoas; as tecnoloxías que se pode aplicar para garantir espazos urbanos máis limpos; e, por último, os modelos de tráfico e contaminación.
A intervención do alcalde
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pechou o acto de apertura da xornada salientando a importancia de asegurar unha atmosfera limpa nas cidades para asegurar a saúde da cidadanía. Segundo lembrou, a través deste proxecto instalaranse en Compostela 10 sensores de calidade do aire nas zonas de máis intensidade de circulación. “Isto”, dixo, “proporcionará unha imaxe en tempo real das condicións do aire nos momentos de maior conxestión do tráfico, para así poder determinar unha mellor e mais eficiente xestión destes fluxos”.
Unha cuestión de tempo
O tempo bótase en riba das nosas cidades e xa case ninguén dubida da necesidade de aplicar medidas que corrixan a actual deriva medioambiental (os gases e partículas contaminantes acumúlanse e non hai xeito de reducilos mentres o groso do tráfico siga circulando á velocidade que reduce, polos mesmos vieiros e empregando os mesmos combustíbeis). A respecto xornada de hoxe púxose o foco nos datos recentes da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), nos que se se fai saber que en España prodúcense 10.000 mortes ao ano por contaminación do aire: unha cifra que supera, por exemplo, aos falecementos en accidentes de tráfico, que ascenderon en 2019 a 1.700 persoas.
Obxectivos concretos e dispositivos
TRAFAIR ten como obxectivo proporcionar ás administracións públicas ferramentas para coñecer a calidade de aire dentro da cidade. Ao abeiro deste cometido, o Concello compostelán mercará sensores de baixo custo de tráfico e contaminación para instalalos en diferentes recantos da cidade, como a praza de Vigo, a praza de Galicia, a praza Roxa ou Virxe da Cerca. Os dez dispositivos previstos mediarán o nivel de partículas contaminantes e permitirán coñecer os fluxos de circulación das partículas contaminantes no aire. Unha vez recompilados e analizados os datos, desenvolveranse aplicacións móbiles para elevar a concienciación sobre a contaminación atmosférica urbana e crearanse ferramentas de control efectivas pensadas para as administracións.
Máis de dous millóns de euros e oito socios europeos
O proxecto ten unha duración de 24 meses, até finais de outubro de 2020. A Universidade de Módena é xefe de fila do proxecto, no que ademais do Concello de Santiago tamén participan as Universidades de Florencia, Zaragoza e Santiago, o Concello de Módena, a rexión de Toscana, e Lepida SpA, o organismo creado pola rexión italiana de Emilia-Romagna para a implementación da Axenda Dixital. O orzamento total é de 2,2 millóns de euros, dos que case 1,7 millóns procederán de fondos europeos FEDER.
A intervención da directora de GAIN e presidenta do CESGA
Na cita de hoxe participou tamén participaron a directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey, e maila a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira.
Patricia Argerey enmarcou este proxecto no compromiso de Galicia coa Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel das Nacións Unidas que perseguen “acadar a igualdade entre as persoas, protexer o planeta e asegurar a prosperidade no horizonte do 2030”, e sinalou que “a I+D+i está chamada a desenvolver un papel clave na consecución destes obxectivos”.
Argerey apuntou “que todos os proxectos nos que participa o CESGA teñen como finalidade última o benestar das persoas e, neste caso, o centro pon a súa experiencia, coñecemento e infraestruturas de cálculo ao servizo da mellora da calidade de vida das persoas contribuíndo a un medio máis saudábel”. Patricia Argerey enxalzou “a capacidade do centro”, recoñecido como Infraestrutura Científico Técnica Singular (ICTS) polo Ministerio de Ciencia e Innovación, para o cálculo, tratamento e almacenamento de datos como o seu equipo humano altamente especializado dedicado á investigación en computación de altas prestacións.
Pola súa banda, María Cruz Ferreira Costa, salientou que “malia que Galicia teña una boa calidade do aire e conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de España”, recentes investigacións apuntan “a que é necesario baixar máis os valores límites de contaminantes en aire ambiente fixados na lexislación actual”. Ao fío disto, fixo fincapé na necesidade de facermos fronte común para loitar contra a contaminación atmosférica, “tamén en Galicia”.
O papel do CESGA
O CESGA fornecerá a TRAFAIR da súa longa experiencia en apoio tecnolóxico para elaborar predicións avanzadas e exhaustivas, unha bagaxe que se ten materializado no seu traballo con MeteoGalicia, Portos do Estado ou co Programa Europeo de Monitorización Ambiental Copernicus). O Centro de Supercomputación de Galicia participará na xeración de prognósticos certeiros e pormenorizados sobre a calidade do aire e o fluxo de tráfico en prazos de 48 horas, xerando mapas que permitan visualizar os resultados e tomar as medidas axeitadas. O seu traballo tamén collerá corpo coa paralelaxe e optimización do código de predición da calidade do aire para que poida executarse de forma eficiente empregando computación de alto rendemento (HPC). O CESGA, ademais, porá as súas infraestruturas HPC (computación de alto rendemento polas súas siglas en inglés) ao servizo da cidadanía e das administracións para que “dispoñan dun mapa da calidade da atmosfera e do fluxo de tráfico na cidade de Santiago de Compostela”. Amais, xerará software de código aberto que permita realizar este tipo de simulacións sen “recorrer ás solucións propietarias existentes”.

PUBLICIDADE