Santiago lanza un xeoportal con exhaustiva información urbanística, administrativa e catastral
mércores, 25 de outubro do 2017
O
Concello de Santiago vén de habilitar na súa web municipal un
servizo directamente encamiñado a que os cidadáns-internautas
coñezan polo miúdo a relación que ten cada inmóbel ou leira coas
administracións, amais das súas características, disposición e
cualidade urbanística; favorecéndose o coñecemento sobre cada
lugar e facilitándose ao máximo o seu achado coa axuda das
tabletas, smartphones ou computadores. Estamos a falar do novo
Xeoportal
do Concello de Santiago, en palabras do Goberno local “unha
ferramenta que fai accesíbel para toda a cidadanía a información
xeográfica relativa ao municipio”. O
servizo, un visor dixital, foi dado a coñecer polo concelleiro de
Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, que
estivo acompañado polo xefe da sección de Cartografía do Concello
de Santiago, Rogelio Canedo. Segundo fixeron saber, o Xeoportal é
froito de meses de intenso traballo: un traballo encamiñado a
conseguir que a xente teña no camiño os mínimos atrancos para
obter información.
Jorge
Duarte apuntou que, a través do visor, “institucións,
profesionais e cidadanía en xeral poderán coñecer en detalle
cuestións como cal é a cualificación urbanística dunha finca
determinada, cal é a administración titular dun viario ou cal é a
área de influencia de cada colexio da cidade”. Duarte tamén fixo
fincapé na natureza evolutiva do portal, “un instrumento vivo que
se irá cargando de información a medida que vaia xurdindo”.
Segundo fixo saber, a día de hoxe o servizo ten incorporados máis
de 300 documentos urbanísticos e todas as ortofotos realizadas dende
2001 a 2014 no Concello de Santiago.
Pola
súa banda, o xefe da sección de Cartografía do Concello salientou
a sinxeleza e utilidade do portal, seguindo a liña das esixencias
estipuladas polas actuais directivas europeas e pola lexislación
española, que establecen que a información cartográfica ten que
ser accesíbel e de balde para a cidadanía.
Máis
detalles
O
Xeoportal do Concello de Santiago está artellado en seis apartados,
unha disposición que responde á necesidade de “facilitar a
navegación dos usuarios e usuarias”. Conta cun visor web xeral,
unha serie de visores destacados “feitos á carta”, unha
ferramenta para a descarga de información, un apartado centrado no
planeamento urbanístico, unha sección de ligazóns a outras
infraestruturas de datos espaciais, e unha sección de Servizos OGC,
máis dirixida a profesionais.
Segundo
explicaron, o visor xeral permite acceder a un mapa base do Concello
de Santiago, no que se poden activar distintas capas de información.
Entre as vantaxes principais desta ferramenta específica inclúese
un xeolocalizador que elaborado polo propio Concello que, en palabras
de Duarte e Canedo, “fornece de datos máis exactos sobre o
municipio que outros buscadores dispoñíbeis”.
No
que atinxe á posibilidade de facernos con información para os nosos
discos duros, o Xeoportal permite descargar e preparar para a
impresión cartografía relativa á localización da rede de
transporte, das distintas redes de servizos, ou mesmo do mobiliario
urbano. Tamén se poden descargar diferentes planos de Santiago,
dende 1783 até 1984.