Santiago envórcase co lecer no fogar baixo o cancelo #Compostelaquedanacasa

luns, 30 de marzo do 2020 S. P.

O Concello de Santiago activou unha campaña nas redes para agrupar todo tipo de propostas de actividades culturais e sociais nas que se participar de cheo, grazas ás novas ferramentas dixitais, en tempos de reclusión e restricións por mor do COVID-19. Baixo o cancelo #Compostelaquedanacasa, o Goberno local ofrece á veciñanza unha chea de recursos docentes, culturais e deportivos que se están a por a disposición das familias e dos nenos e nenas para que, nas súas palabras, “o tempo de confinamento se converta en tempo de ocio”.
A longa listaxe de propostas comeza cos recursos do Departamento de Lingua do Concello de Santiago, e prosegue con, entre outras actividades, Atopando Compostela, un xogo en liña para coñecer a riqueza que encerran os nomes de lugar mentres nos movemos virtualmente polo municipio compostelán. A listaxe tamén inclúe outras importantes actividades como Conto Viaxeiro (libros dixitais escritos e ilustrados colectivamente dende as aulas dos centros de Santiago, historias en vídeo e máis propostas para facer na casa con nenos e nenas de Primaria), Enreguéifate (unha proposta para a mocidade que ten obxectivo de encher a Rede de regueifas e, ao mesmo tempo, preparar algunha para a convocatoria do certame deste ano), Youtubeir@s (vídeos nosos para encher de creatividade audiovisual galega as redes sociais) e Apego (recursos de todo tipo para as parellas que están agardando un bebé, entre os que atoparemos información sobre o ben que lles fai falarlles en galego aos nenas e nenos dende idades temperás).

CompostelaCreanaCasa

Pola súa banda, o Departamento de Mocidade, a través dos seus perfís oficiais en redes sociais e os perfís do Centro Xove da Almáciga lanzou a iniciativa #CompostelaCreanaCasa para animar á mocidade creativa de Santiago a compartillar o seu talento creativo con vocación “lúdica e formativa”. Esta actividade xa acadou máis dunha decena de participacións. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Concellería de Mocidade en Facebook , Twitter ou Instagram e enviar o seu vídeo a través de sistemas para compartir contidos como WeTransfer, Dropbox ou Google Drive.

PUBLICIDADE