Santiago acolleu un Innovation Day dos nosos enxeñeiros industriais

luns, 15 de abril do 2019 Redacción

A delegación de Santiago de Compostela do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) celebrou hoxe unha xornada de traballo sobre tecnoloxías da nosa terra con potencial para impulsar e modernizar todo tipo de iniciativas de mercado. O workshop, que se celebrou baixo o epígrafe #innovationday, contou coa presenza de representantes de empresas e institucións da cidade e contorna, que presentaron os seus últimos avances no sector. A actividade, segundo salientou o ICOIIG, resultou un éxito entre os participantes.
Trátase dun evento que forma parte da Oficina de Transformación Dixital (OTD), que a entidade profesional galega desenvolve en colaboración co Ministerio de Economía e Empresa.
Entre os participantes da xornada atopábanse Adali Morales, en representación de Feiraco Clun, Sebastián Pantoja, en representación de Televés, Juan Martín, en representación de Situm Technologies, Almudena Hospido, do grupo de Biotecnoloxía da Universidade de Santiago (Biogroup) e Diego Mata (Moonoff); tamén interviñeron Pablo Fernández Soneira, en representación do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia CTAG, así como o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento Díez, e o seu representante en Santiago, Fernando Blanco Silva.

PUBLICIDADE