Santiago acolle o día 11 unha xornada sobre as cousas que brinda a innovación ao turismo

venres, 4 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Hotel SPA Congreso de Santiago vai acoller o vindeiro 11 de maio unha cita para afondar nas posibilidades das novas ferramentas de comunicación e mercadotecnia para o sector hostaleiro e turístico. Estamos a falar da Xornada #AEDH_Innova: Turismo e Innovación, que vén da man da Asociación Española de Directores de Hotel (AEDH) e que responde ao interese da actividade (un interese que se acrecenta cada ano) por actualizar ao sector con respecto “aos continuos cambios que o sector experimenta”. A xornada, de balde, comeza ás 9.00 da mañá e desenvólvese até as 14 horas. Haberá relatorios sobre novas propostas tecnolóxicas e porase o foco en pór en contacto a usuarios profesionais, por unha banda, con expertos no sector de innovación turística e especialistas en tecnoloxía aplicada, pola outra.
A idea é que os primeiros presenten as súas necesidades e demandas e os segundos fagan propostas sobre como rendibilizar ocupacións, mellorar a hospitalidade e o servizo ao cliente, optimizar a xestión de empresa e o tempo dos profesionais, incrementar a satisfacción e fidelidade dos clientes, coñecer novos produtos e aplicacións científicas ou xerar novos contactos de negocio. O ciclo de conferencias abrirase co relatorio de Marta Lois, concelleira de Turismo do Concello de Santiago de Compostela, á que seguirán as intervencións de Manuel Vegas Lara, presidente nacional da AEDH, así como doutros membros da asociación como Isidro Tenorio ou Domènec Biosca. Clausura a xornada Nava Castro Domínguez, directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE