Santiago acolle en febreiro un foro profesional sobre xestión de refugallos electrónicos

venres, 17 de xaneiro do 2025 S. P.

A cidade de Santiago vai dar acollida o vindeiro mes ao I Foro Profesional sobre a Xestión de Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE) en Galicia. Posto en marcha pola Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) e a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (APROEMA), terá lugar o 5 de febreiro na Cidade da Cultura. A xornada contará con intervencións e mesas de traballo de máis dunha ducia de profesionais de entidades, empresas do sector e institucións públicas. Patrocina a Fundación EcoLec e PreZero España.
Desenvolverase na xornada do 5 pola mañá, entre as 9.30 e as 15.30 horas, e contará con entrada gratuíta para todos os públicos, previa inscrición. O programa inclúe intervencións e mesas de traballo de máis dunha ducia de profesionais de entidades, empresas do sector e institucións públicas, tanto autonómicas como do Estado. Este primeiro foro ten por obxectivo “dar a coñecer ás citadas administracións e ao público xeneral a xestión de RAEE que se está levando a cabo en Galicia, poñendo en valor o traballo de numerosas empresas do sector que, xunto aos departamentos públicos, veñen levando acabo os últimos anos a raíz dos diferentes cambios normativos e o compromiso medioambiental da sociedade”.
Á súa vez, ADEN e APROEMA tamén buscan estreitar lazos e compartir opinións dos diferentes relatores coa intención de fomentar unha meirande colaboración entre o sector empresarial, as administracións e outros actores clave para acadar os obxectivos enmarcados na Axenda 2030 para unha economía circular sostíbel.
No referente á propia xornada, na que se conta coa participación dos responsábeis de medio ambiente nos concellos galegos, deputacións, empresas públicas e privadas do sector da distribución de aparellos eléctricos e electrónicos, xestores de residuos e estudantes, entre outros; levarán a cabo dúas mesas redondas: unha sobre os retos operativos e respostas innovadoras e outra sobre a adaptación e cambio co impacto das novas normativas. Ademais, o encontro concluirá cun relatorio da divulgadora científica, investigadora e escritora Deborah García Bello que ten como título A xeración da conciencia ambiental nos mozos, poñendo o foco en como as emocións poden axudar a transmitir unha mensaxe de cambio no compromiso da sociedade.
Aberto para todos os públicos de forma libre e gratuíta, a inscrición poderá realizarse no correo electrónico forogaliciaraee@asociacionaden.com.