Santiago acolle a II edición do Congreso sobre Turismo e Novas Tecnoloxías

venres, 7 de novembro do 2008 Raquel Noya

O Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela acollerá, os vindeiros días 9 e 10 de decembro, un encontro sobre turismo e novas tecnoloxías dirixido a profesionais e empresarios do sector turístico interesados en coñecer as vantaxes que lle ofrecen as TIC para as súas propias empresas e negocios.
Nesta edición, o congreso está enfocado cara os empresarios do sector turístico en xeral e cara os integrantes do sector hostaleiro e empresarios de turismo en particular, máis a convocatoria estenderase, se así o desexan, aos integrantes do Rexistro de Actividades e Empresas Turísticas, así como aos técnicos de turismo de todos os concellos galegos.
No programa previsto para as dúas xornadas desta edición cabe destacar a presenza de profesionais galegos (axencias de receptivo e membros da plataforma Vindeira) e outros relevantes profesionais do sector procedentes doutros países e que traballan enempresas de recoñecido prestixio como Google Travel Spain.
O obxectivo deste encontro é darlle a coñecer aos profesionais do sector turístico galego, as posibilidades que lles pode ofrecer a aplicación das novas tecnoloxías aos seus ámbitos de traballo, a través de experiencias prácticas e reais.
O seminario consta de dúas xornadas completas, distribuídas en sesións teóricas de mañá e prácticas de tarde. Nas sesións teóricas inclúense conferencias de expertos que amosarán as súas potencialidades de aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación aos diferentes eidos nos que desenvolven o seu traballo os profesionais do turismo.
Asemade, haberá mesas de discusión para que os expertos poidan debater e compartir experiencias e opinións cos profesionais asistentes.
Por outra banda, nas sesións prácticas haberá presentacións de exemplos reais de aplicación das novas tecnoloxías ás empresas turísticas e nelas, os asistentes experimentarán un coñecemento in situ de normas de promoción, comercialización e información mediante a aplicación das TIC
O prazo de inscrición para todos aqueles que estean interesados en asistir ábrese hoxe e péchase o vindeiro día 1 de decembro e deberá facerse a través desta ligazón. O número de prazas é limitado.

PUBLICIDADE