Sansa slotRadio, o reprodutor con tarxetas de memoria de 1.000 cancións

mércores, 7 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O compromiso de busca de novos soportes físicos para a distribución musical levou a SanDisk a lanzar propostas como tarxetas microSD nas que almacenar álbums musicais e que se coñecerían coma tarxetas SlotMusic, que mesmo comercializan un reprodutor multimedia cun prezo moi económico pensando neste soporte, e agora queren dar un paso máis nesta dirección co reprodutor Sansa slotRadio, que se vendería cunha tarxeta slotRadio con 1.000 cancións precargadas, no que pretende ser unha oferta moi práctica para os usuarios, que non terán que molestarse en descargar e recompilar música dos seus estilos favoritos, xa que se lanzarían paquetes de cancións de grandes éxitos actuais ou de xéneros determinados, o que sería algo así como ter a nosa propia radio musical.
O Sansa slotRadio conta cunha pantalla OLED de 1,5 polgadas na que se amosa información sobre o tema musical a reproducir, integra radio FM e un clip para poder enganchalo ao cinto. Venderase nos EE.UU. dende primeiros de ano a 99,99 dólares cunha tarxeta de 1.000 cancións, podéndose adquirir máis tarxetas con seleccións musicais por 39,99 dólares, o que sae considerablemente máis económico que as tarifas habituais en tendas coma iTunes.

PUBLICIDADE