Sanción de 2.420 millóns de euros a Google por abuso de posición dominante

martes, 27 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A Comisión Europea iniciou unha investigación contra Google en 2010 por abuso de posición dominante ao dar un tratamento preferente ao seu comparador de prezos nos resultados de busca, e tras darlle ao buscador a posibilidade de defenderse das acusacións hai un par de anos, finalmente comunicaron a sanción que imporá á compañía de Mountain View: 2,42 mil millóns de euros.
A Comisión considera que Google infrinxiu a lexislación antimonopolio da Unión Europea abusando da súa posición dominante no mercado dos motores de busca ao ofrecer unha vantaxe ilegal a outro produto de Google: o seu servizo de compras comparativas. A empresa deberá mudar o seu proceder nun prazo de 90 días ou enfrontarse ao pagamento dunha multa que podería chegar ao 5% do volume de negocio medio diario de Alphabet a nivel mundial.
A comisaria de competencia, Margrethe Vestager, recoñece o bo que Google achegou ás nosas vidas, pero critica que «a estratexia de Google para o seu servizo de compras comparativas non se limita a atraer clientes ofrecendo un produto que sexa mellor que o dos seus rivais, senón que Google abusou da súa posición dominante como motor de busca situando en mellor lugar o seu propio servizo de compras comparativas dentro dos seus resultados de busca e colocando en peor situación os dos seus competidores», o que considera que «denegou a outras empresas a posibilidade de innovar e de competir segundo os seus méritos» aínda que o máis importante sería que «denegou aos consumidores europeos unha auténtica oferta de servizos e todas as vantaxes da innovación».
Dende a Comisión detallan que ter unha posición dominante non é ilegal, pero as empresas dominantes teñen a responsabilidade especial de non abusar da súa posición no mercado restrinxindo a competencia. Tamén destaca que Google domina as buscas xerais na Rede en todos os países do Espazo Económico Europeo, e as prácticas anti-competitivas con Google Shopping danse en todos os mercados nos que o servizo está dispoñible.

PUBLICIDADE