SanDisk presenta as súas tarxetas microSD de 1 TB

luns, 25 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

As tarxetas de memoria para dispositivos móbiles continúan a súa carreira por conseguir grandes capacidades de almacenamento en dimensións moi reducidas, mantendo grandes velocidades de acceso, e a marca SanDisk (pertencente a Western Digital) está a aproveitar a celebración do Mobile World Congress para presentar o seu novo grande salto en tarxetas microSD, de xeito que a SanDisk Extreme UHS-I pasará a estar dispoñible até nunha capacidade de 1 TB, o que resultará de grande utilidade para creadores de contidos que queiran captar vídoe en ultra alta definición dende smartphones, cámaras de acción ou drons.
Estas tarxetas de memoria en formato microSDXC gozan de velocidades de lectura de até 160 MB/segundo e de escritura de até 90 MB/segundo, polo que son aptas para a gravación de vídeo en altas resolucións ou para a toma de fotografías de alta calidade sen compresión, estando certificadas tamén para un rápido funcionamento en dispositivos móbiles e podendo incluso empregarse no lector MobileMate USB 3.0, de xeito que os contidos rexistrados poderán transferirse a un equipo informático á máxima velocidade que permiten estas tarxetas, axilizando fluxos de traballo.
As novas tarxetas microSDXC de SanDisk de 1 TB chegarán ao mercado en abril a un prezo que nos EE.UU. será de 449,99 dólares, mentres que o modelo de 512 GB contará máis o seu prezo, quedando en 199,99 dólares.

PUBLICIDADE