San Sadurniño ultima os detalles do seu novo (o sexto) Chanfaina Lab
martes, 30 de xullo do 2019
- Unha das fotografías incluídas en Soñadores, de Gabriel Tizón
O
Concello de San Sadurniño segue adiante cos seus obradoiros de
Chanfaina Lab, o proxecto de creatividade e dinamización socio-rural
materializado a través das novas tecnoloxías e os seus diferentes
dispositivos e linguaxes. Estes días o concello atópase nun punto
de inflexión: está na súa recta final o quinto encontro
audiovisual e participativo Chanfaina Lab (no que participaron preto
de tres ducias de realizadoras e realizadores) e atópase a piques de
arrancar a seguinte edición. A
convocatoria en curso (por pouco tempo) chega á súa recta final da
man do fotoxornalista Gabriel Tizón, que achegou “unha peza
audiovisual que vén reflectir a esencia do encontro a través de
instantáneas do que non se ve, o que está detrás das cámaras”,
en palabras da organización.
Segundo
engaden dende o Goberno local, o autor compuxo unha pequena montaxe
de clausura que salta a Youtube (con nome de Soñadores)
a pouco máis dun mes do arranque dun novo Chanfaina que trae
“numerosas novidades”. A principal será a súa duración da súa
quenda oficial, do 3 ao 8 de setembro, ampliando a oferta de
obradoiros pola semana que se veñen sumar á actividade do sábado e
o domingo reservada para as rodaxes.
O
vídeo achegado por Tizón serve como antesala do seu obradoiro en
Chanfaina Lab, Editar coa mirada, que se celebra este sábado
3 de agosto no local social da Seara, en Ferreira. Trátase dun
taller para amantes da fotografía en xeral no que, segundo o autor,
“insistirase no valor da mirada, o resultado de fotografar como
pensamos e a edición final”. A sesión durará desde as 10.00h.
até as 20.00h, “nun entorno tranquilo e de natureza”. A
asistencia está limitada a 20 prazas cun prezo por persoa de 85€,
incluído o xantar. As inscricións hai que facelas a través de
info@gabrieltizon.com.
En
setembro, máis Chanfaina
Como
dixemos, o último vídeo do Chanfaina 2018 dá o chimpo á Rede
cando xa comezou a conta atrás da edición 2019. Segundo informa o
Concello, a totalidade dos detalles sobre esta nova convocatoria está
practicamente pechada”, con 32 nomes confirmados de aquí e de
acolá que acudirán á cita para mostraren outros puntos de vista de
San Sadurniño, sexan documentais, ficticios ou experimentais”.
As
datas serán as seguintes: do 3 ao 8 de setembro. Serán seis días
dos que catro están reservados para obradoiros e outros dous para
rodaxes. O martes 3 (de 16 a 20.00h) a realizadora e por dúas veces
chanfaineira Sandra Sánchez ofrecerá un obradoiro sobre
técnicas de montaxe audiovisual. O mércores 4 tocará un obradoiro
sobre videoxogos e animación 3D dentro do programa TechKids que
desenvolven a AMTEGA e o Colexio profesional de Enxeñaría
Informática de Galicia. Esta sesión desenvolverase entre as 10 e as
14.00h., ao igual que a do xoves 5, cando a rapazada de 12 a 18 anos
poderá entrar en contacto coa creación de apps para
dispositivos Android.
O
venres 6 achegarase un curso acelerado sobre fotografía 3D impartido
polo experto Anxo Santomil (de 10 a 14.00h) e, a partir do serán,
está previsto darlle a benvida aos creadores e creadoras que
participarán no VI Chanfaina Lab gravando as súas curtas tanto na
xornada do sábado coma na do domingo.