Samsung xa ten paneis OLED flexibles practicamente irrompibles

venres, 27 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Os dispositivos de electrónica de consumo poderán adoptar novos formatos nos vindeiros anos, grazas en boa medida aos avances nas tecnoloxías das súas pantallas, entre os que destacan as pantallas flexibles, que conseguen que os trebellos electrónicos non teñan que ter formatos planos. Nesta liña Samsung Display anunciou un panel para smartphones que definen como irrompible, que vén de superar as probas de certificación oficial nos EE.UU., de xeito que nos vindeiros meses poderemos velas non só en móbiles, senón tamén en tabletas, consolas portátiles, pantallas en automóbiles e moitos outros produtos de electrónica de consumo.
Estas novas pantallas serían basicamente un panel OLED flexible cun substrato irrompible, ou sexa, que sería unha evolución das actuais pantallas flexibles de Samsung, que en vez de estar cubertas por un cristal que pode rachar nunha caída, é practicamente irrompible no noso día a día, o que sería unha importante vantaxe, especialmente en produtos que poidan precisar de certa resistencia (como traballos en contornos industriais e militares, ou incluso para usos por cativos nas escolas).
Estas pantallas superaron sucesións de 26 caídas sobre o chan a unha altura de 1,2 metros e probas a temperaturas extremas, sen presentar danos e mantendo as súas funcionalidades intactas, co que garantiron a súa certificación de grao militar, e mesmo superou estas esixencias, ao someterse a probas de caída a unha altura de 1,8 metros sen presentar danos.

PUBLICIDADE