Samsung trae a España as súas tabletas con pantalla 4:3
martes, 1 de setembro do 2015
A finais de xullo Samsung
anunciou a nosa serie de tabletas Galaxy Tab S2, que destacaban
principalmente por adoptar o factor de forma do iPad Air 2 e do iPad mini 3, ou
sexa, que finalmente o fabricante surcoreano optou pola proporción de pantalla
4:3, que se ben en formato apaisado non resulta o máis óptimo para o consumo
audiovisual, en formato vertical é moito máis práctico, polo que, buscando unha
maior versatilidade, optaron por este novo formato que en boa medida facilita a
comparación entre os produtos de Samsung e Apple (incluso contan con lector de
pegada dixital), destacando o feito de que Samsung conseguiu que os seus
produtos fosen máis delgados e lixeiros que os da súa competencia.
Finalmente Samsung anunciou que estas novas tabletas chegarán a España
este xoves a un prezo de 399 euros para o modelo con pantalla de 8 polgadas
e 499 euros no caso do modelo de 9,7 polgadas, tendo que sumar 100 euros a cada
tableta no caso das súas versións con conectividade móbil 4G.
Estas tabletas presumen dun grosor de só 5,6 milímetros e pesos moi contidos
(265 gramos o modelo de 8” e 389 gramos o de 9,7”), pero tamén destacan polas
súas prestacións avanzadas grazas aos seus procesadores de 8 núcleos, o seus 3
GB de RAM (que permiten un nivel de multi-tarefa do que polo momento está moi
afastado o iPad) e 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas
microSD de até 128 GB) e que tiran proveito das súas extraordinarias pantallas
Super AMOLED cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (igual que as pantallas
Retina, pero apostando por unha tecnoloxía distinta da IPS).
Samsung tamén pensou nos usos profesionais destas tabletas, que veñen equipadas
coas aplicacións de Microsoft Office pre-instaladas, incluíndo 100 GB de
almacenamento de balde en Onedrive durante 2 anos e sendo compatible coa funda
teclado Keyboard Cover, que permite escribir na tableta coa comodidade dun
teclado de portátil.