Samsung renova o seu Chromebook reducindo drasticamente o seu prezo

xoves, 18 de outubro do 2012 Marcus Fernández

A experiencia de Google nos sistemas operativos vai en dúas direccións, unha para dispositivos móbiles (Android) e outra para ordenadores orientados á nube (Chrome OS), e nesta segunda liña levan un tempo intentando popularizar os Chromebooks, que non conseguir callar no mercado, o que non fai que Google dea o brazo a torcer e agora anuncian a renovación destes equipos cun novo Chromebook de Samsung, que poñen á venda por 249 dólares nos EE.UU., descoñecéndose polo momento cando chegará ao noso mercado (onde o Chromebook actual no seu modelo 3G aínda custa 449 euros).
O Samsung Chromebook presume de ser un equipo ultraportátil, cunha pantalla de 11,6 polgadas (cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles), un peso de 1,1 quilogramos e unha batería que permite unha autonomía de ata 6,5 horas, contando tamén con Wi-Fi N, webcam, 1 porto USB 3.0, 1 porto USB 2.0, saída HDMI, Bluetooth 3.0 e 100 Gb de almacenamento na nube de Google (de balde durante 2 anos). Funciona cun procesador Exynos 5250 de dobre núcleo a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM e 16 Gb de SSD, contribuíndo este último elemento a que o equipo poida iniciarse en menos de 10 segundos.
Estes portátiles non poden verse aínda como ordenadores principais, senón como equipos secundarios, válidos para que os cativos fagan os deberes, para ler o correo electrónico na comodidade do sofá ou para que os avós realicen videoconferencias, todo sen que ninguén teña que preocuparse polo seu mantemento e pola súa seguridade, de xeito que só hai que mirar que teña batería para funcionar e unha conexión á Rede.


Vídeo promocional dos novos Chromebooks

PUBLICIDADE