Samsung presenta unha videocámara resistente á auga e con Wi-Fi

venres, 18 de maio do 2012 Marcus Fernández

Samsung, atendendo á diversa demanda no ámbito das cámaras de vídeo compactas, vén de anunciar as cámaras QF20 SMART e W300, que no primeiro caso conta con conectividade Wi-Fi para que compartir vídeos a través da Internet poida ser un proceso doado dende as súas pantallas táctiles, mentres que a súa compañeira é ideal para actividades de tempo libre.
A Samsung QF20 SMART conta cunha pantalla táctil LCD de 2,7 polgadas que coa súa conexión Wi-Fi pode cargar os seus vídeos en YouTube, Facebook e Picasa; tamén conta cun zoom óptico de 20x. Ao estarmos ante un produto de Samsung con Wi-Fi tamén é posible enlazalo cos televisores e reprodutores Blu-ray do fogar para poder ver as gravacións en pantalla grande sen ter que empregar cables.
Por outra banda, a Samsung W300 non só grava vídeo a 1.080p, senón que é de peto e está reforzada, polo que sería ideal para o tempo do verán, xa que pode somerxerse ata 5 metros de profundidade, soporta caídas a uns 2 metros de altura e tamén resiste o po, ou sexa, que podería empregarse xogando na praia, nadando na piscina ou indo en bicicleta. Para facilitar o seu uso durante actividades de tempo libre tamén conta cun recubrimento para evitar embazarse e detecta cando está baixo a auga para corrixir as cores e asegurar unhas imaxes realistas.
O prezo da Samsung QF20 SMART é de 349,99 dólares nos EE.UU. (275,84 euros) e o da Samsung W300 é de 159,99 dólares (126,10 euros). En Corea do Sur esta última cámara xa conta cun modelo superior (HMX-W350) que está á venda por 249.000 wons (167,67 euros).

A cámara Samsung W300 é resistente á auga e ás caídas

PUBLICIDADE