Samsung presenta unha versión do Galaxy Note 4 coa última versión de LTE

luns, 29 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe o primeiro smartphone do mercado con soporte LTE Advanced (LTE-A) con agregación tri-banda (CA), unha revisión do Galaxy Note 4 que pode conseguir velocidades de descarga de até 300 Mbps, catro veces máis veloz que o LTE ordinario, conseguindo unha mellor experiencia á hora de descargar contidos, navegar pola web ou reproducir contidos en streaming.
Este novo terminal pode recibir 3 bandas diferentes e agregalas a unha única conexión, soportando o servizo de rede de Categoría 6 con velocidades de até 300 Mbps, de xeito que os usuarios poden descargar un vídeo de 700 MB en 19 segundos ou 10 cancións (40 MB) nun segundo. De feito, o novo Galaxy Note 4 incluso está preparado para o servizo LTE-A de Categoría 9, que chegará ao longo de 2015 e que permitirá velocidades de até 450 Mbps.
Lembremos que o Samsung Galaxy Note 4 conta cunha pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 GB, cámaras de 16 e 3,7 Mpíxeles, Bluetooth 4.1, NFC, infravermellos, Wi-Fi AC e batería de 3.220 mAh (con carga rápida). Ten un grosor de só 8,5 mm e un peso de 176 gramos.

PUBLICIDADE