Samsung presenta un monitor de 23 polgadas con resolución QWXGA

xoves, 6 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Nos últimos meses a alta definición estase a normalizar nos escritorios informáticos, con pantallas con resolucións de 1.680 x 1.050 píxeles (equivalente a HD Ready) ou 1.920 x 1.200 píxeles (equivalente a Full HD), pero estas características están claramente orientadas a un público doméstico que realice consumo audiovisual, mentres que o sector profesional pode ter maiores esixencias, de aí que Samsung presente o seu monitor 2342BWX, que en só 23 polgadas (que sería o equivalente en superficie a dous folios) consigue unha impresionante resolución de 2.048 x 1.152 píxeles, ou sexa, que podería conter nun tamaño relativamente reducido moita información, contendo o seu prezo nuns 230 euros (no mercado surcoreano).
Este tipo de pantallas (que equivalen en resolución a dúas pantallas estándar de 4:3) están pensadas na mellora da produtividade, xa que permiten presentar en pantalla distintas aplicacións ao mesmo tempo, facendo máis doado o intercambio de información entre as mesmas e o seu uso simultáneo (non é preciso movelas ao primeiro plano constantemente para acceder ás mesmas). Tamén facilitan o acceso á barra lateral de Windows Vista.

PUBLICIDADE