Samsung presenta o Notebook 7 spin buscando unha grande versatilidade

xoves, 23 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro día 26 Samsung vai pór á venda nos EE.UU. a 799,99 dólares un atractivo portátil, o Notebook 7 spin, que chegará con pantallas de 13 e 15,6 polgadas e con Windows 10, sistema operativo para o que está especialmente deseñado, xa que ten unha pantalla táctil Full HD de 360 graos (ou sexa, que a súa tapa pode abaterse completamente para poder empregar o equipo como un portátil tradicional ou a xeito de tableta.
O Notebook 7 spin pode configurarse con procesadores Intel Core i5 ou i7, até 12 GB de RAM e 1 TB de disco duro (con opción de engadirlle unha unidade SSD de 128 GB); conta cunha batería con carga rápida que en só 20 minutos de carga pode ampliar a autonomía nun par de horas e que pode cargarse completamente en menos de 100 minutos; o seu teclado ten unha boa ergonomía e está retroiluminado para facilitar o seu uso en condicións de baixa luminosidade; e incluso integra un modo de Vídeo HDR, que presente os contidos en pantalla dun xeito máis nítido e con cores máis vivas, buscando así favorecer a reprodución audiovisual. O modelo cun procesador Core i5 ten 8 GB de RAM e gráfica integrada, mentres que o modelo con procesador Core i7 ten 12 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA 940MX.
Tamén conta con saída HDMI, 1 porto USB-C e 3 portos USB-a (dous 2.0 e un 3.0) e incluso conta con porto Ethernet no modelo de 15,6 polgadas. Un equipo moi a ter en conta para o que busca versatilidade nun equipo portátil.

O Samsung Notebook 7 spin pode empregarse a xeito de tableta ao abater a súa pantalla

PUBLICIDADE