Samsung presenta novas tabletas con prezos axustados

xoves, 27 de maio do 2021 Marcus Fernández

A comercialización de versións lixeiramente reducidas dos seus produtos, para conseguir un prezo máis popular, está a funcionarlle moi ben a Samsung, polo que non pilla por sorpresa a presentación das novas tabletas Galaxy Tab S7 FE e Galaxy Tab A7 Lite, que apuntan a dous rangos de prezos moi diferentes, de xeito que por 169 euros teriamos a económica Galaxy Tab A7 Lite con 32 GB de almacenamento, mentres que por 649/699 euros venderíase a Galaxy Tab S7 FE 5G con 64/128 GB de almacenamento.
A Galaxy Tab A7 Lite é claramente unha tableta moi limitada, á venda dende esta mesma semana, que coa súa pantalla de 8,7 polgadas, procesador de 8 núcleos, 3 GB de RAM e batería de 5.100 mAh busca simplemente chegar a un público moi amplo que emprega as tabletas principalmente para o consumo de contidos.
Por outra banda, a Galaxy Tab S7 FE é unha tableta moito máis esixente, con pantalla de 12,4 polgadas, procesador de 8 núcleos, 4/6 GB de RAM, batería de 10.090 mAh con carga de 45 watts, S Pen e conectividade 5G, de xeito que sería un produto máis orientado á creación de contidos e á ofimática profesional. Con Samsung DeX esta tableta ten unha grande versatilidade, podendo empregarse dun xeito semellante a un ordenador persoal, mentres que co S Pen facilita a realización de ilustracións e a toma de notas. Un produto que chegará ao mercado o vindeiro 18 de xuño, buscando satisfacer aos usuarios que queren unha tableta potente, pero que prefiren buscan un produto máis económico que a Galaxy Tab S7+ (que custa 999 euros na súa versión 5G con 128 GB de almacenamento).

PUBLICIDADE