Samsung presenta novas barras de son

martes, 14 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Samsung está a dar a coñecer ao mundo as novas barras de son da serie Q que levou os pasados días ao CES de Las Vegas. Por unha banda temos a barra HW-Q990F, que leva o son doméstico a novas cotas, con subwoofers activos duais con graves potentes e precisión nas frecuencias ultra baixas, que grazas ao novo deseño cúbico reduce os subwoofers á metade do tamaño da barra HW-Q990D, minimizando a resonancia e refinando o seu acabado. A barra tamén optimiza o son medianta IA, con funcións como control dinámico de graves, Q-Symphony (que permite tirar proveito de altofalantes sen fíos para achegar unha experiencia envolvente) e Active Voice Amplifier Pro (que reduce o ruído de fondo e enfatiza os diálogos en tempo real).
Máis modesta é a barra HW-QS700F, que pola súa banda destaca pola súa versatilidade, xa que pode instalarse tanto na parede como sobre o moble no que está o televisor, adaptándose ao espazo do usuario e axustándose automaticamente á súa orientación grazas a un xiroscopio integrado. O seu perfil delgado permite que poida integrarse en case calquera estancia onde teñamos unha pantalla instalada.

A barra de son Samsung HW-QS700F pode instalarse na parede