Samsung prepara móbiles encartables co apelido Ultra

mércores, 4 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Tras ousar lanzar o Galaxy S25 Edge cun grosor de 5,8 milímetros, colocándose na vangarda dunha nova categoría de smartphones de alta gama que priman a delgadeza, dende Samsung sorprenden hoxe anunciando «o vindeiro capítulo da experiencia Ultra».
A compañía surcoreana asegura que escoitando a demanda de pantallas máis grandes, mellores cámaras e novos xeitos de conectarse e desenvolver a creatividade, están a preparar un teléfono encartable que iría un paso por diante dos actuais Galaxy Z Fold ao contar con prestacións que poderían servir para merecer a etiqueta Ultra que actualmente designa o tope de gama da serie S25.
Lembremos que o ano pasado Samsung xa lanzara unha Special Edition do Galaxy Z Fold6, nun formato máis delgado, máis RAM e unha cámara principal de 200 Mpíxeles, polo que podemos entender que esta versión mellorada podería ser a que se consolidase no catálogo de Samsung co apelido Ultra, de xeito que os usuarios dun smartphone encartable xa non terían que realizar concesións no apartado das cámaras (que é un dos apartados nos que normalmente quedan por detrás con respecto ao resto de móbiles de gama alta).