Samsung podería comercializar un casco de realidade mixta con auriculares AKG

martes, 26 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Coa actualización de outono de Windows 10 chegará a realidade mixta ao mercado, para o que Microsoft leva meses colaborando con compañías como Acer, Asus, Dell, HP ou Lenovo, que preparan cascos específicos para esta tecnoloxía a prezos máis asumibles que os que vemos actualmente en solucións de realidade virtual, pero non sabiamos que Samsung (compañía con vencellos con Oculus) tamén estaba a preparar solucións de seu, de aí que sorprendesen as imaxes filtradas a través de Twitter sobre un suposto casco de realidade mixta da compañía surcoreana.
De confirmarse o produto teriamos outro exemplo de que Samsung non casa con ninguén, e prefiren diversificar, de xeito que así sempre apostan pola tecnoloxía gañadora (lembremos que comercializaron smartphones con Windows Phone e Tizen pese a ser líderes en Android).
O casco de realidade mixta de Samsung sería moi interesante polo feito de que integraría auriculares da marca AKG, ofrecendo así un detalle de calidade que outras compañías parecen obviar, xa que case todos os fabricantes limítanse a colocar unha toma de auriculares nas súas solucións para que sexa o usuario quen achegue tal accesorio para as experiencias inmersivas.
Polo momento non se coñecen os plans de Samsung de cara á realidade mixta, aínda que é máis que probable que non estreen o seu produto o 17 de outubro, xa que compañías como Asus están a optar a distanciarse do outono e optar por lanzar as súas solucións en primavera, cando esta tecnoloxía estará máis madura (evitando así ter que axustar demasiado os prezos de saída).

As imaxes filtradas suxiren que Samsung estaría a traballar nunha solución completa de realidade mixta